1 de set. de 2019

PROPOSTA DE UNIFICACIÓN DE DÍAS NON LECTIVOS

SOLICITUDE DE UNIFICACIÓN

DOS DÍAS NON LECTIVOS


Dirixida a todos os centros de Ensino Público de Arteixo


Elevamos á súa consideración a seguinte proposta acordada entre distintas ANPAS do Concello, co rogo de que sexa considerada oportunamente.

En acordo coa orde do 20 de xuño de 2019, que aproba o calendario escolar para o curso 19/20, recollendo o indicado no artigo 7, punto 2, sendo que os festivos locais de Arteixo sexan o 25 de febreiro de 2020, martes de Entroido e en xullo do 2020, nas festas de Santiago Apóstolo, e dado que ambos se corresponderían con períodos non lectivos no calendario escolar, os centros teñen a potestade de solicitar dous días non lectivos para o período do curso. O mesmo punto da orde indica unha recomendación que nós elevamos a proposta:

Solicitamos que os equipos directivos dos centros de ensino público de Arteixo se poñan en contacto para acordar elevar aos distintos Consellos Escolares unha proposta de días non lectivos unificada para todos os centros do Concello.

Cada ANPA presentará oficialmente un escrito no seu centro con esta petición e a FEDART o fará en aqueles onde non exista actividade asociativa.

Federación Anpas Arteixo - FEDART
APA A Gaivota

29 de maio de 2019

XORNADA PRIMEIROS AUXILIOS E RCP BÁSICA

30 de maio, último día para a Inscrición


4 DÍAS

4 días seguidos. 4 charlas sobre acoso desenvolvidas para a comunidade de 7 centros de ensino público do noso Concello. Unha de secundaria, tres de primaria e dúas de escolas de educación infantil. Sumaríamos un público potencial - nais, pais, persoas titoras, profesionais dos centros - de arredor de 4.000 persoas, quizais algo máis. A suma total de asistencia a todas elas debeu aproximarse as 60-70 persoas. Non debe ser un tema de interese actualmente. Poida que o modelo de asfaltado preelectoral tampouco axudara. Quizais non se convocou e difundiu axeitadamente.

A información circulante dispoñible sobre a cuestión do tratamento do acoso, sinaladamente na escola, é abundante. Nos tempos que corren case que todas temos acceso a esa información. Moitas de nós intentamos no noso ámbito familiar tratar esta problemática e prover ás nosas crianzas de ferramentas para enfrontarse ás situacións de acoso. Probablemente non hai nada que nos preocupe máis na vida que evitar o sufrimento das nosas fillas e dos nosos fillos.

Pero perdemos a perspectiva. Deste problema só coñecemos o que sae á luz*. E adoitamos enfrontarnos a el, como a algún outro, cando nos toca directamente. Cando somos nais e pais de nenas e nenos que se converten en vítimas ou actúan como acosadoras. Non “son”, porque non é unha condición innata nin nacen sendo agresoras ou agredidas. As facemos nós así. Nós. O conxunto da comunidade educativa, fiel reflexo da sociedade da que formamos parte, que afirma valores e comportamentos de competencia, poder, violencia, dominación, inxustiza… fronte aos de cooperación, convivencia, respecto, empatía, comunicación, igualdade….

Cada pequena acción que se desenvolva en relación a como abordar o problema de acoso é un chanzo positivo. Cada nai, cada pai, cada profesional que asistiu a estas ou a calquera outra charla similar, vai ter presente na súa cabeza e na súa práctica diaria unha reflexión sobre como abordar esta problemática. Pero é precisa unha intervención colectiva de todos os axentes involucrados definida nos parámetros de cambiar de modelo de xestión da convivencia en todos os ámbitos, non só nas escolas. Empezando por renunciar explicitamente a calquera forma de violencia como medio de relación social.

Isto precisa dun compromiso elevado e poida que non se dean as condicións para facelo, até que suceda algo que nos conmocione colectivamente. Ou quizais, sexamos capaces de imaxinármonos como nos sentiríamos se chegara a producirse algo así e decidamos poñernos a traballar conxuntamente para poñer os medios de que non suceda.

Tamén podemos seguir enfrontándonos a cada caso individualmente. Cando se presenten na porta das nosas casas. Mentres tanto é problema do da porta do lado.

O modelo de traballo que nos presentaron estes días, que propón desenvolver accións na prevención das condutas pode ser unha alternativa. Pero non existe ningunha panacea. Nin hai aspirinas para curar un comportamento de acoso, nin para quen acosa, nin para quen padece o acoso. Quizais houbo xente que acudiu a estas charlas na procura de respostas que non atopou, técnicas ou ferramentas que lles permitiran resolver ou enfrontarse a unha situación preexistente. Para os adultos e para os menores.

Nestes casos, os demais non deberamos mirar para outro lado. Os demais, que somos todas as persoas que estamos arredor dese problema específico. Educadores, docentes e familias. Porque de facelo así, estaríamos ensinándolles na práctica ás nosas fillas e aos nosos fillos que está ben mirar a inxustiza, a violencia, a degradación, e non facer nada.



*Nestes días publicouse no xornal La Voz de Galicia un artigo que fai referencia a isto.

22 de maio de 2019

EDUCATIC


Estes días atrás repetimos a experiencia das xornadas educaTIC. Tres días de sisudas exposicións e faladoiros e un de celebración compartida, máis festivo.

Uns cantos días máis atrás un dos docentes innovadores con máis sona nos últimos tempos, Juan de Vicente Abad, falábanos da súa experiencia metodolóxica no ensino público, a un colectivo de profesionais e non profesionais da educación, e repetía unha vez si e outra tamén  unha palabra: reflexión. Aplicada dende o deseño didáctico até a resolución de conflitos na convivencia nos centros.

Pois imos propoñer reflexión en alta voz.

Estes encontros educaTIC teñen un feixe de cousas boas. Entre elas a posibilidade de coñecer de primeira man as experiencias de calidade que se desenvolven nos centros de ensino público de Arteixo. Para nós, que insistimos no valor do traballo das persoas profesionais do sector como característico e como excepción sinalamos a falta de interese, actitude ou motivación, a visibilidade pública detallada desa actividade profesional parécenos fundamental para a recuperación do valor social da docencia e das docentes. Porque a pouco que miremos debaixo da presentación, entenderemos como a parte lectiva é só unha das que compoñen o seu traballo profesional: programacións didácticas, reunións de departamentos, avaliación, atención ás familias, investigación, formación permanente, deseño de rúbricas, actividades extra-escolares,….

Mesmo aquela porción da docencia que só vai a cumprir co seu horario, como podería facer calquera de nós, ten que atender a algunhas destas cuestións. E asemade, unha administración centrada nas estatísticas e no control, engádelles unha carga burocrática innecesaria ao seu labor docente. Xa non digamos a que lles cae aos que deciden asumir as responsabilidades directivas.

Pois con todos estes condicionamentos, e algún máis que se nos escapará, moitas destas persoas docentes seguen a emocionarse acotío co seu alumnado na súa práctica profesional.

Apoiar o seu traballo coa presenza nestes actos de información gratuíta, e especialmente o de quen vai un pouco máis aló do simplemente obrigatorio, tería que ser un deber de calquera que defenda e apoie o ensino público. O estamos facendo así? Non miremos para quen temos ao lado. A asistencia, un ano tras outro, de nais e pais nestas xornadas é puramente testemuñal, e cando se produce adoita estar vinculada a un tema ou a un persoeiro significativo. Aínda así, non fomos nin a décima parte a escoitar a Carracedo dos que estivemos para ver a Del Bosque. Tampouco podemos tirar foguetes da presencia de representantes das ANPAs, máis aló dos momentos nos que estamos case que obrigados. Claro, formamos parte do mesmo colectivo ao que representamos e temos a mesma xustificación. Cada un ten que atender á súa vida. Hai quen di o de que lle adicamos tempo das nosas vidas a aquilo que necesitamos ou que ten importancia para nós. Poida que houbera que empezar a ler isto ao revés, e entender que o tempo que lle adicamos as cousas manifesta con claridade cales son as que nos importan de verdade. A educación? O ensino? O ensino público?

Outra boa cousa destes encontros é xustamente iso. Ter un espazo onde haxa roce entre os distintos sectores da comunidade educativa a nivel global. Podes falar e intercambiar ideas, opinións, propostas, con mestras de escolas unitarias ou profesoras na universidade. A nai de infantil fala co dire do IES. O orientador coa representación do Concello. Parecera que desaparecen esas barreiras invisibles que as veces nos impiden traballar xuntas en condicións de respecto mutuo, sen ningún tipo de condescendencia e entendéndonos como iguais, cun obxectivo común e cada quen coas súas responsabilidades e competencias. E dicimos isto sendo conscientes de que a parte da comunidade á que nós representamos, as familias, nais, pais, alumnado, somos aqueles aos que vai dirixida toda a acción profesional e institucional, ademais de ser cuantitativamente a parte moi maioritaria do conxunto e a fonte fundamental dos orzamentos de todo este aparato. O pobo soberano da comunidade educativa, por poñelo en prata. E como a maioría de nós somos xente sensata, madura e responsable, tentamos apoiar sen menoscabo e con claridade todo o traballo que se fai ao noso servizo.

E asemade emocionámonos cando as nosas fillas e os nosos fillos manifestan publicamente a súa satisfacción polo traballo realizado polos seus mestres e profesoras. E sentímonos felices de escoitar ao profesorado dun centro agradecendo e felicitando as súas compañeiras e aos seus compañeiros profesionais dos niveis precedentes o traballo feito co alumnado ao que agora atenden. Sabemos que este recoñecemento é, probablemente xunto co do seu propio alumnado, unha das meirandes satisfaccións dun profesional da docencia.

Como non hai dous sen tres…. todas as persoas que en algún momento asistiron como relatores, mesmo cando as súas intervencións fixeron fincapé na  chamada de atención sobre os fundamentos e metodoloxías empregadas no cotiá da docencia, como nunha das que tivemos ocasión de escoitar neste ano, manifestaron o gran valor destes encontros, e mesmo nalgún caso sorprendéronse da formulación aberta e participada. Todas elas indicaron a súa disposición a compartir o seu coñecemento por canles de comunicación a posterior. Con calquera delas tivemos oportunidade de falar abertamente, tanto no momento da súa presentación como fora dese tempo.

E evidente que sempre hai aspectos que poderían ser mellorables. Nós indicaremos o que consideramos a este respecto no espazo e lugar correspondente, pero o que apuntamos nos puntos anteriores define unha filosofía do formato dos encontros. Entendemos que moita desta fundamentación e a gran parte da responsabilidade a respecto do éxito desta acción recae na persoa da Concelleira de Relacións coa Comunidade Educativa. Polo que sabemos, non vai continuar no seu cargo despois das próximas eleccións municipais. Dende aquí, quixeramos agradecerlle o traballo desenvolvido durante estes últimos anos. Mesmo dende a diferencia de criterio manifestada a respecto de algunhas decisións ou formulacións do seu departamento, é de xustiza recoñecerlle a súa implicación e desenvolvemento. Especialmente atendendo ás dificultades da diversidade de pareceres, necesidades e intereses deste colectivo de persoas que integramos a comunidade educativa de Arteixo. Non somos fáciles… sinaladamente neste colectivo de ANPAs. Pero si temos claro que na política hai moita xente que traballa moito polo ben común. Por exemplo, ti. Grazas Celina!

14 de maio de 2019

CAMPAÑA ELECTORAL


Invitamos por correo electrónico ás 5 candidaturas que presentan listas ás municipais no noso Concello a ter reunións abertas onde poder falar con cada unha delas das súas propostas no eido educativo. Cando se concreten iremos indicando cando e onde, pero somos conscientes de que nestas datas terán dabondo cousas ás que atender como para poder atopar un oco onde encaixar esas xuntanzas. Entón, formulamos un cuestionario cunhas cantas preguntas que nos poidan responder, ben por escrito ou no formato que consideren oportuno. As respostas serán publicadas para que toda a poboación teña coñecemento delas. Finalmente, elaboraremos un documento de propostas xerais, acordadas entre as ANPAs que consideren participar, e que incluirán tamén cuestións específicas de cada unha. Tamén temos intención de publicalo, ademais de facerllo chegar directamente a cada agrupación política.

Este colectivo entende que as ANPAs somos entidades de acción social, e xa que logo temos a posibilidade, poida que a obriga, de intervir politicamente nas cuestións que afectan á comunidade educativa, dende a concepción da política como a actividade e práctica humana dirixida á mellora da condición xeral da sociedade e de cada unha das súas cidadáns, co obxectivo fundamental do ben común.

As posibilidades de intervención das corporacións municipais no eido educativo están definidas legalmente pola Lei de Bases de Réxime Local, pero polo que coñecemos da relación con outras Asociacións de diversos concellos do País, isto tradúcese de unha ou outra maneira dependendo dun concepto denominado vontade política.

A nosa vontade e intención con esta iniciativa é a de invitar á poboación en xeral de Arteixo e especificamente á parte da comunidade educativa da que exercemos a representación, a que teña en conta as propostas do ámbito educativo de cada formación para a decisión do seu voto.

2 de maio de 2019

INICIO CAMPAÑA DE RECOLLIDA ACTIVA DE SINATURAS

Pois iso. Unha vez hai repartidas follas para a recollida de sinaturas en diversos puntos do concello, imos iniciar a recollida activa colectiva.

Estaremos diante dos centros de ensino público, no horario de entrada e/ou de saída, recollendo sinaturas para a proposta e no seu caso repartindo información.

Para estas accións imos contar con persoas das comunidades educativas respectivas, nais, pais, persoas titoras, poida que profesorado,  que voluntariamente decidan participar nas accións e que teñan a disponibilidade para facelo neses horarios. Persoas que non necesariamente teñen que ser asociadas das ANPAs ou vinculadas a FEDART. Si que intentaremos que en todos os casos haxa alguén que nos represente como Federación. Iremos informando das accións puntualmente.

Para empezar, venres 3 de maio, entre as 9 e as 10 nas entradas ao CEIP Ponte dos Brozos.

E ademais, os sábados, na rúa peatonal un grupo de persoas estarán tamén desenvolvendo recollida de sinaturas e no seu explicando a proposta. A participación nesta acción está aberta tamén a calquera persoa da comunidade educativa xeral dos centros de ensino público de Arteixo, e como nas outras accións, intentaremos que tamén haxa alguén que represente á Federación.

Para empezar, sábado 4 de maio, a partir das 10 e até as 13 ou 14 h.

#NOVOCEIPARTEIXOXA!

#NOVOIESARTEIXOXA!

#BACPASTORIZAXA!

4 de abr. de 2019

#NOVOCEIPARTEIXOXA! #NOVOIESARTEIXOXA! #BACPASTORIZAXA!

Estes días atrás as palabras Educación e Arteixo apareceron con certa frecuencia en algún medio impreso e nas redes sociais. Parece que cada vez que o colectivo de nais e pais lanza unha proposta a respecto dunha problemática do sector, algo se move. Máis FEDART, xa que logo.

Dende a Federación, temos claro cal é en estes momentos o problema principal que lastra as posibilidades de desenvolver modelos educativos de calidade nos centros de Arteixo, a masificación, e xa que logo, levamos tempo insistindo en que é preciso poñer a andar xa un novo centro de primaria e un novo centro de secundaria.

Hai outras cuestións ás que atender para contribuír a ese permanente traballo de conseguir máis calidade educativa. Algunhas que afectan especificamente a circunstancias de cada centro, outras que necesariamente habería que abordar no conxunto da comunidade educativa de Arteixo.

O noso actual Alcalde aproveitou a onda para facer unha comunicación nos medios a respecto da idea que o seu partido ten para desenvolver a estrutura de escolarización para o Concello. Magoa que esta manifestación non se fixera nun espazo común onde as partes interesadas puideramos comentar o noso parecer ao respecto. Algo así como un Consello Escolar Municipal, órgano do que a Asemblea de FEDART acordou solicitar a súa constitución e posta en funcionamento.

Como representante principal de todo o Concello, é moi importante que tome a iniciativa a respecto de definir cal é o modelo de futuro para o sector educativo en Arteixo. Como líder da formación política que ten a maioría no noso Concello é completamente lóxico que teña a potestade para facer unha proposta de calado fronte á cidadanía e diante das administracións competentes. O papel que os concellos xogan neste eido educativo está moi limitado pola Lei de Bases de Réxime Local e algunha que outra lexislación estatal restritiva no que atinxe á disposición presupostaria. Pero o factor fundamental que decide a acción neste eido, e se pode ver con claridade en moitos exemplos ao longo do País, é a vontade política de querer facer. Que un Concello non teña unha Concellería de Educación, é un indicativo a respecto de como se define esa vontade política.

Mais, respectando e valorando a toma de postura da Alcaldía desenvolvida nos medios, a nós correspóndenos cando menos propoñer unha pregunta simple. Debera ser o sector educativo un espazo onde as decisións se tomen dende a exclusiva óptica dunha única opción política? Nós creemos que non. Apoiaremos as iniciativas que o Concello tome a respecto de conseguir máis e mellor calidade para o sector educativo de Arteixo. Si que é unha boa idea contar con máis oferta pública de FP aquí mesmo. Para o alumnado, para as familias. Para as empresas poida que tamén, pero iso é secundario. Pero ter máis FP, ou ter outro centro con BAC, #BACPASTORIZAXA!, non pode supoñer eliminar outras alternativas. E en calquera caso, debera ser todo o colectivo da comunidade educativa o que tomara as decisións a respecto de como organizarnos e desenvolver as opcións que se formulen. Practiquemos a pequena escala iso do PACTO EDUCATIVO. Poida que tamén sirvamos de exemplo para ese que levan intentando facer na capital do reino case que dende os tempos de María Castaña.

1 de abr. de 2019

GRAZAS

E máis que teremos que dar seguramente. Agardamos que miles.

O venres 29 tivo lugar a presentación da campaña de recollida de sinaturas a prol do espreguizamento da posta en marcha dun novo CEIP e un novo IES para Arteixo. Xa falaremos do que dis que din outras persoas insignes ao respecto.

Pero agora toca agradecer a colaboración do IES Manuel Murguía para a celebración do acto.

Contamos coa presenza dun medio de comunicación impreso que publicou un artigo na edición do día seguinte. Grazas por informar.

Tamén asistiron representantes de diversas organizacións políticas que presentan candidaturas ás eleccións municipais en Arteixo. Grazas.

Despois da presentación, debate e intercambio de pareceres entre todas as persoas asistentes que quixeron facelo. E primeiras sinaturas recollidas.

A partir de xa estaremos solicitándovos o apoio á iniciativa en distintos lugares e ocasións. Todas as ANPAs dos centros de ensino público de Arteixo teñen acceso ao documento e poderán participar na recollida como elas consideren. E calquera entidade, negocio ou empresa que teña interese en colaborar pode poñerse en contacto coa Federación en federacionanpasarteixo@gmail.com ou coa ANPA que lle quede máis preto para solicitar unha copia do documento de recollida de sinaturas. Iremos comunicando nas redes onde se pode plasmar o apoio á iniciativa. E comunicaremos tamén calquera acción paralela que decidamos desenvolver dentro da campaña de recollida.

Este é o texto do documento para o que solicitamos o apoio da cidadanía:
#NOVOCEIPARTEIXOXA!
#NOVOIESARTEIXOXA!
#BACPASTORIZAXA!

27 de mar. de 2019

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS

Invitamos ao conxunto da comunidade educativa e á veciñanza en xeral á presentación da campaña de recollida de sinaturas a prol dos novos centros de Primaria e Secundaria en Arteixo.

Marzo
Venres 29
19:30 horas
Salón de actos do IES Manuel Murguía

O acto terá unha duración de arredor de 15 minutos e estará presidido pola directiva de FEDART.

Contaremos tamén coa presenza de directivas das ANPAs, tanto federadas como non, e invitamos a outras asociacións de ámbito municipal, representantes de entidades políticas e medios de comunicación.

Vémonos.

15 de mar. de 2019

REUNIÓN ORDINARIA XUNTA DIRECTIVA

Continuando co práctica desenvolvida até agora, comunicamos a celebración da próxima reunión da Xunta Directiva.

En función das competencias que os Estatutos da Federación indican para a presidencia, convoco reunión ordinaria da Xunta Directiva, a celebrar o mércores 20 de marzo de 2019, ás 19:45 horas en primeira convocatoria, 20:00 hs en segunda, coa seguinte orde do día.

1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior.
2. Renovación da Xunta Directiva: asignación de cargos.
3. Análise dos datos recollidos das eleccións.
4. Lanzamento da campaña de recollida de sinaturas.
5. Varios e temas non listados

Asdo.
Presidencia
14/03/19

26 de feb. de 2019

XORNADAS DE PORTAS ABERTAS


Temos a seguridade que nas xornadas de portas abertas nos centros de ensino haberá ocasión para que ás respectivas ANPAs fagan a súa presentación como parte esencial da comunidade educativa. En varios casos devén necesaria a presentación da entidade dado que é a Asociación quen asume no centro a prestación de servizos que as administracións públicas non lles acae ben atender.

Xuntamos aquí a lista de ANPAs, os datos de contacto electrónico e as ligazóns aos medios de comunicación propios de cada entidade. Empezando por as dos centros onde estes días terá lugar a apertura de portas….

APA O LOUREIRO (EEI Vilarrodrís)

ANPA BARRIONOVO

APA MANUEL MURGUíA (CEIP Galán)

APA A GAIVOTA (CEIP San Xosé Obreiro)

E o resto das que non teñen aínda xornada de portas abertas

ANPA SAN MIGUEL (IES Pastoriza)

ANPA PONTE DOS BROZOS

ANPA NOVO ARTEIXO

ANPA SÉCULO XXI (IES Manuel Murguía)

No rexistro xeral aparece algunha máis, dúas das que non temos constancia de que teñan actividade actualmente: na escola infantil (municipal) e no IES de Sabón. E unha que acaba de vir ao mundo practicamente: na unitaria de Larín. Parabéns!

4 de feb. de 2019

RESUMO REUNIÓN XUNTA DIRECTIVA

Antes de que chegue a Asemblea, era ben comentar algo do que acordamos na reunión da Xunta Directiva. Xa todo o mundo mundial coñece da convocatoria da Asemblea para o xoves 7. Tamén decidimos encargarlle á presidencia que fora pillar un CIF para a FEDART a AEAT…. Pero aparcamos o de presentar a inscrición no rexistro do Concello e na Consellería de Educación. Tamén a apertura da conta bancaria. Pensando en non ter que repetir nun prazo curto de tempo todo o procedemento e que sexa xa a nova directiva elixida para dous anos quen apareza en todas partes. O mesmiño para o certificado dixital.

Imos facer un estudo sobre como foron as eleccións a Consellos Escolares. Valorar a comunicación do procedemento e a participación, nos sectores de nais e pais e alumnado onde corresponda. Dirixiremos un correo individualizado a cada centro para solicitar a información. Canto teñamos os datos ou cos datos que teñamos, comentaremos.

Morremos de éxito coa iniciativa da recollida para o Banco de Alimentos. Tiramos polo alto e calculamos que habendo tanto alumnado matriculado nos centros de ensino, tanta familia, tanto profesorado e coa tradicional boa resposta que teñen estas iniciativas, xuntaríamos xente de sobras para poder desenvolver as quendas de recollida. Pero fallamos na comunicación probablemente e no procedemento para apuntarse case que con toda seguridade. Tomamos nota para a próxima. Finalmente, grazas a voluntariado apuntado na iniciativa e ao xeral, non especificamente vinculado cos centros de ensino, e sobre todo pola masiva resposta da xente que foi deixando o que quixo e puido na saída dos supermercados, xuntamos miles de quilos de produtos, preto das 9 toneladas, e ademais con cestas moi compensadas (variedade e utilidade). Grazas Arteixo! E grazas tamén ás cadeas que colaboran e especialmente ao persoal que nos aturou e axudou a desenvolver a recollida.

Polo demais, quedan un lote de cousas para ir falando e tratando, na Asemblea e máis aló. Nesas estamos e estaremos.

17 de xan. de 2019

REUNIÓN ORDINARIA DA XUNTA DIRECTIVA

Unha vez recibida a comunicación da inscrición da Federación no rexistro de asociacións, onde figura co número 2018/022816-1ª, hoxe imos ter reunión da directiva para entre outras cousas facer a convocatoria da Asemblea.

En función das competencias que os Estatutos da Federación indican para a presidencia, convocovos a unha reunión ordinaria da Xunta Directiva, o xoves 17 de xaneiro de 2019, ás 19:45 horas en primeira convocatoria, 20:00 hs en segunda, coa seguinte orde do día.


  1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior.
  2. Alta fiscal e contratación de conta bancaria.
  3. Valoración eleccións Consellos Escolares.
  4. Valoración campaña recollida de alimentos.
  5. Proposta de datas e orde do día para a Asemblea da Federación.
  6. Varios e temas non listados


Asdo.
Presidencia
10/01/19

24 de nov. de 2018

A VOTAR!

Están desenvolvéndose os procesos de elección para representantes no Consello Escolar  nos centros. Profesorado e PAS, onde non imos comentar nada máis que o bo desexo de que, esta vez si, en todos os centros haxa candidaturas por ambos sectores e moita participación. 👀 Ups… claro, para o sector de nais, pais e titores e para o sector de alumnado no caso dos IES, tamén agardamos o mesmo. Non lle imos pedir a uns o que outras non facemos.

Pero o que nos corresponde con claridade é falar da nosa representación nos Consellos. Nais, pais e persoas titoras dunha banda, alumnado doutra.

Para quen se presente. Parabéns pola decisión! ✊Contade coa nosa colaboración e axuda para difundir a vosa campaña electoral, se aínda hai tempo. E despois, o que vos pediríamos, tanto a adultos como a menores, é que actuedes como representantes. Quixeramos que se puideran desenvolver canles de comunicación abertos permanentes entre os electos e as persoas ás que representan, mesmo dun xeito institucional se fora posible, de maneira que se puidera facer chegar a información do que se trate e acorde nas reunións dos Consellos a toda a comunidade educativa representada. Entendemos que esta é a fórmula básica para por en valor o papel deste órgano de representación na vida escolar dos centros de Ensino Público, mesmo nas condicións restrinxidas que estableceu a lomce para o seu funcionamento. E evidentemente, para promover a educación na participación democrática entre o colectivo xeral do alumnado. Como se articule isto en cada centro e con cada colectivo, é algo que lle corresponde definir a cada comunidade.

Nós sempre teremos as portas abertas á colaboración para a mellora do funcionamento xeral dos centros e do sistema educativo formal en xeral con todas as partes representadas, nun marco de cooperación e diálogo construtivo.

E ás miles de persoas censadas para votar nas eleccións nos distintos centros, que lles imos pedir. Empezade por votar. 🗳 Un pequeno paso para unha persoa, un gran paso para a humanidade escolar. Que non teñamos que dicir aquilo de, Hiuston, temos un problema! 😄

25 de out. de 2018

ACORDO CO BANCO DE ALIMENTOS


O Banco de Alimentos Rías Altas organiza para o venres 30/11 e o sábado 1/12 unha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros en practicamente todos os super e hiper da provincia.

FEDART acordou con eles a colaboración para a organización e xestión das quendas de persoas voluntarias para o traballo de recollida do que a xente queira ir doando á saída das caixas. Imos intentar cubrir as quendas do LIDL, EROSKI e GADIS. Os tres que están situados na proximidade dos centros escolares do núcleo de Arteixo.
As persoas voluntarias: nais, pais, nenas e nenos, profesorado dos centros de ensino de Arteixo que decidan apuntarse. Todas as participantes asinarán un documento de participación do propio Banco de Alimentos e as menores (poden participar a partir de 8 anos) terán que aportar unha específica de autorización das súas persoas titoras. Todas as menores, de calquera idade ate os 16, deberán estar acompañadas necesariamente por persoas adultas durante a quenda de recollida.

Entendemos que esta acción formula posibilidades amplas para desenvolver algúns dos obxectivos curriculares dos diversos niveis de ensino. Nos consta que xa o curso anterior houbo quen decidiu tirar proveito da iniciativa dende algún dos centros de ensino. E ademais, permitirá seguir na dinámica de promover relacións entre os estamentos da comunidade educativa definidas en termos de cooperación e colaboración.

As quendas de recollida agrúpanse en períodos de dúas horas e media, salvo a que ocupa o horario de 15 a 17 hs. No caso de que haxa abundancia de solicitudes de participación ou moita participación de menores, reduciríamos a duración de cada quenda.

Creamos un correo específico para esta acción recollidanadalarteixo@gmail.com  no que inicialmente calquera persoa interesada en participar terá que dirixirse para apuntarse, e dende o que se lle solicitarán os datos pertinentes e estritamente necesarios. A organización posterior se desenvolverá polos medios que os colectivos acorden, considerando crear grupos específicos para cada super, con condicións de participación definidas. Tanto a conta de correo, como calquera outro medio dixital que se poida constituír para a xestión, e todos os datos recollidos, serán eliminados despois da acción.

O Banco de Alimentos conservará segundo a normativa de voluntariado, a documentación acreditativa dos participantes para os fins específicos recollidos na lei.

Un saúdo.
A Xunta Directiva de FEDART

15 de out. de 2018

REUNIÓN EXTRAORDINARIA DA XUNTA DIRECTIVA

A presidencia convocou unha reunión extraordinaria da Xunta Directiva, despois de ter recibido a notificación do Rexistro Xeral para a emenda da inscrición da Federación, para o martes 16 de outubro.

Esta é a orde do día:

1. Tratamento da documentación solicitada na emenda do Rexistro de Asociacións para a inscrición da Federación: revisión e sinatura.

2. Proposta de acordo co Banco de Alimentos Rías Altas para asumir a xestión da recollida de alimentos para os días 30/11 e 01/12.

A asistencia é aberta para o conxunto dos membros das directivas das distintas Asociacións integrantes, atendendo ao que estipulan os nosos Estatutos.

PROPOSTA DE UNIFICACIÓN DE DÍAS NON LECTIVOS

SOLICITUDE DE UNIFICACIÓN DOS DÍAS NON LECTIVOS Dirixida a todos os centros de Ensino Público de Arteixo Elevamos á súa consideración...