O Banco de Alimentos Rías Altas organiza para o venres 30/11 e o sábado 1/12 unha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros en practicamente todos os super e hiper da provincia.
FEDART acordou con eles a colaboración para a organización e xestión das quendas de persoas voluntarias para o traballo de recollida do que a xente queira ir doando á saída das caixas. Imos intentar cubrir as quendas do LIDL, EROSKI e GADIS. Os tres que están situados na proximidade dos centros escolares do núcleo de Arteixo.
As persoas voluntarias: nais, pais, nenas e nenos, profesorado dos centros de ensino de Arteixo que decidan apuntarse. Todas as participantes asinarán un documento de participación do propio Banco de Alimentos e as menores (poden participar a partir de 8 anos) terán que aportar unha específica de autorización das súas persoas titoras. Todas as menores, de calquera idade ate os 16, deberán estar acompañadas necesariamente por persoas adultas durante a quenda de recollida.
Entendemos que esta acción formula posibilidades amplas para desenvolver algúns dos obxectivos curriculares dos diversos niveis de ensino. Nos consta que xa o curso anterior houbo quen decidiu tirar proveito da iniciativa dende algún dos centros de ensino. E ademais, permitirá seguir na dinámica de promover relacións entre os estamentos da comunidade educativa definidas en termos de cooperación e colaboración.
As quendas de recollida agrúpanse en períodos de dúas horas e media, salvo a que ocupa o horario de 15 a 17 hs. No caso de que haxa abundancia de solicitudes de participación ou moita participación de menores, reduciríamos a duración de cada quenda.
Creamos un correo específico para esta acción recollidanadalarteixo@gmail.com no que inicialmente calquera persoa interesada en participar terá que dirixirse para apuntarse, e dende o que se lle solicitarán os datos pertinentes e estritamente necesarios. A organización posterior se desenvolverá polos medios que os colectivos acorden, considerando crear grupos específicos para cada super, con condicións de participación definidas. Tanto a conta de correo, como calquera outro medio dixital que se poida constituír para a xestión, e todos os datos recollidos, serán eliminados despois da acción.
O Banco de Alimentos conservará segundo a normativa de voluntariado, a documentación acreditativa dos participantes para os fins específicos recollidos na lei.
Un saúdo.
A Xunta Directiva de FEDART
Ningún comentario:
Publicar un comentario