Amosando publicacións coa etiqueta Transparencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Transparencia. Amosar todas as publicacións

14 de maio de 2019

CAMPAÑA ELECTORAL


Invitamos por correo electrónico ás 5 candidaturas que presentan listas ás municipais no noso Concello a ter reunións abertas onde poder falar con cada unha delas das súas propostas no eido educativo. Cando se concreten iremos indicando cando e onde, pero somos conscientes de que nestas datas terán dabondo cousas ás que atender como para poder atopar un oco onde encaixar esas xuntanzas. Entón, formulamos un cuestionario cunhas cantas preguntas que nos poidan responder, ben por escrito ou no formato que consideren oportuno. As respostas serán publicadas para que toda a poboación teña coñecemento delas. Finalmente, elaboraremos un documento de propostas xerais, acordadas entre as ANPAs que consideren participar, e que incluirán tamén cuestións específicas de cada unha. Tamén temos intención de publicalo, ademais de facerllo chegar directamente a cada agrupación política.

Este colectivo entende que as ANPAs somos entidades de acción social, e xa que logo temos a posibilidade, poida que a obriga, de intervir politicamente nas cuestións que afectan á comunidade educativa, dende a concepción da política como a actividade e práctica humana dirixida á mellora da condición xeral da sociedade e de cada unha das súas cidadáns, co obxectivo fundamental do ben común.

As posibilidades de intervención das corporacións municipais no eido educativo están definidas legalmente pola Lei de Bases de Réxime Local, pero polo que coñecemos da relación con outras Asociacións de diversos concellos do País, isto tradúcese de unha ou outra maneira dependendo dun concepto denominado vontade política.

A nosa vontade e intención con esta iniciativa é a de invitar á poboación en xeral de Arteixo e especificamente á parte da comunidade educativa da que exercemos a representación, a que teña en conta as propostas do ámbito educativo de cada formación para a decisión do seu voto.

2 de maio de 2019

INICIO CAMPAÑA DE RECOLLIDA ACTIVA DE SINATURAS

Pois iso. Unha vez hai repartidas follas para a recollida de sinaturas en diversos puntos do concello, imos iniciar a recollida activa colectiva.

Estaremos diante dos centros de ensino público, no horario de entrada e/ou de saída, recollendo sinaturas para a proposta e no seu caso repartindo información.

Para estas accións imos contar con persoas das comunidades educativas respectivas, nais, pais, persoas titoras, poida que profesorado,  que voluntariamente decidan participar nas accións e que teñan a disponibilidade para facelo neses horarios. Persoas que non necesariamente teñen que ser asociadas das ANPAs ou vinculadas a FEDART. Si que intentaremos que en todos os casos haxa alguén que nos represente como Federación. Iremos informando das accións puntualmente.

Para empezar, venres 3 de maio, entre as 9 e as 10 nas entradas ao CEIP Ponte dos Brozos.

E ademais, os sábados, na rúa peatonal un grupo de persoas estarán tamén desenvolvendo recollida de sinaturas e no seu explicando a proposta. A participación nesta acción está aberta tamén a calquera persoa da comunidade educativa xeral dos centros de ensino público de Arteixo, e como nas outras accións, intentaremos que tamén haxa alguén que represente á Federación.

Para empezar, sábado 4 de maio, a partir das 10 e até as 13 ou 14 h.

#NOVOCEIPARTEIXOXA!

#NOVOIESARTEIXOXA!

#BACPASTORIZAXA!

4 de abr. de 2019

#NOVOCEIPARTEIXOXA! #NOVOIESARTEIXOXA! #BACPASTORIZAXA!

Estes días atrás as palabras Educación e Arteixo apareceron con certa frecuencia en algún medio impreso e nas redes sociais. Parece que cada vez que o colectivo de nais e pais lanza unha proposta a respecto dunha problemática do sector, algo se move. Máis FEDART, xa que logo.

Dende a Federación, temos claro cal é en estes momentos o problema principal que lastra as posibilidades de desenvolver modelos educativos de calidade nos centros de Arteixo, a masificación, e xa que logo, levamos tempo insistindo en que é preciso poñer a andar xa un novo centro de primaria e un novo centro de secundaria.

Hai outras cuestións ás que atender para contribuír a ese permanente traballo de conseguir máis calidade educativa. Algunhas que afectan especificamente a circunstancias de cada centro, outras que necesariamente habería que abordar no conxunto da comunidade educativa de Arteixo.

O noso actual Alcalde aproveitou a onda para facer unha comunicación nos medios a respecto da idea que o seu partido ten para desenvolver a estrutura de escolarización para o Concello. Magoa que esta manifestación non se fixera nun espazo común onde as partes interesadas puideramos comentar o noso parecer ao respecto. Algo así como un Consello Escolar Municipal, órgano do que a Asemblea de FEDART acordou solicitar a súa constitución e posta en funcionamento.

Como representante principal de todo o Concello, é moi importante que tome a iniciativa a respecto de definir cal é o modelo de futuro para o sector educativo en Arteixo. Como líder da formación política que ten a maioría no noso Concello é completamente lóxico que teña a potestade para facer unha proposta de calado fronte á cidadanía e diante das administracións competentes. O papel que os concellos xogan neste eido educativo está moi limitado pola Lei de Bases de Réxime Local e algunha que outra lexislación estatal restritiva no que atinxe á disposición presupostaria. Pero o factor fundamental que decide a acción neste eido, e se pode ver con claridade en moitos exemplos ao longo do País, é a vontade política de querer facer. Que un Concello non teña unha Concellería de Educación, é un indicativo a respecto de como se define esa vontade política.

Mais, respectando e valorando a toma de postura da Alcaldía desenvolvida nos medios, a nós correspóndenos cando menos propoñer unha pregunta simple. Debera ser o sector educativo un espazo onde as decisións se tomen dende a exclusiva óptica dunha única opción política? Nós creemos que non. Apoiaremos as iniciativas que o Concello tome a respecto de conseguir máis e mellor calidade para o sector educativo de Arteixo. Si que é unha boa idea contar con máis oferta pública de FP aquí mesmo. Para o alumnado, para as familias. Para as empresas poida que tamén, pero iso é secundario. Pero ter máis FP, ou ter outro centro con BAC, #BACPASTORIZAXA!, non pode supoñer eliminar outras alternativas. E en calquera caso, debera ser todo o colectivo da comunidade educativa o que tomara as decisións a respecto de como organizarnos e desenvolver as opcións que se formulen. Practiquemos a pequena escala iso do PACTO EDUCATIVO. Poida que tamén sirvamos de exemplo para ese que levan intentando facer na capital do reino case que dende os tempos de María Castaña.

1 de abr. de 2019

GRAZAS

E máis que teremos que dar seguramente. Agardamos que miles.

O venres 29 tivo lugar a presentación da campaña de recollida de sinaturas a prol do espreguizamento da posta en marcha dun novo CEIP e un novo IES para Arteixo. Xa falaremos do que dis que din outras persoas insignes ao respecto.

Pero agora toca agradecer a colaboración do IES Manuel Murguía para a celebración do acto.

Contamos coa presenza dun medio de comunicación impreso que publicou un artigo na edición do día seguinte. Grazas por informar.

Tamén asistiron representantes de diversas organizacións políticas que presentan candidaturas ás eleccións municipais en Arteixo. Grazas.

Despois da presentación, debate e intercambio de pareceres entre todas as persoas asistentes que quixeron facelo. E primeiras sinaturas recollidas.

A partir de xa estaremos solicitándovos o apoio á iniciativa en distintos lugares e ocasións. Todas as ANPAs dos centros de ensino público de Arteixo teñen acceso ao documento e poderán participar na recollida como elas consideren. E calquera entidade, negocio ou empresa que teña interese en colaborar pode poñerse en contacto coa Federación en federacionanpasarteixo@gmail.com ou coa ANPA que lle quede máis preto para solicitar unha copia do documento de recollida de sinaturas. Iremos comunicando nas redes onde se pode plasmar o apoio á iniciativa. E comunicaremos tamén calquera acción paralela que decidamos desenvolver dentro da campaña de recollida.

Este é o texto do documento para o que solicitamos o apoio da cidadanía:
#NOVOCEIPARTEIXOXA!
#NOVOIESARTEIXOXA!
#BACPASTORIZAXA!

27 de mar. de 2019

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS

Invitamos ao conxunto da comunidade educativa e á veciñanza en xeral á presentación da campaña de recollida de sinaturas a prol dos novos centros de Primaria e Secundaria en Arteixo.

Marzo
Venres 29
19:30 horas
Salón de actos do IES Manuel Murguía

O acto terá unha duración de arredor de 15 minutos e estará presidido pola directiva de FEDART.

Contaremos tamén coa presenza de directivas das ANPAs, tanto federadas como non, e invitamos a outras asociacións de ámbito municipal, representantes de entidades políticas e medios de comunicación.

Vémonos.

15 de mar. de 2019

REUNIÓN ORDINARIA XUNTA DIRECTIVA

Continuando co práctica desenvolvida até agora, comunicamos a celebración da próxima reunión da Xunta Directiva.

En función das competencias que os Estatutos da Federación indican para a presidencia, convoco reunión ordinaria da Xunta Directiva, a celebrar o mércores 20 de marzo de 2019, ás 19:45 horas en primeira convocatoria, 20:00 hs en segunda, coa seguinte orde do día.

1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior.
2. Renovación da Xunta Directiva: asignación de cargos.
3. Análise dos datos recollidos das eleccións.
4. Lanzamento da campaña de recollida de sinaturas.
5. Varios e temas non listados

Asdo.
Presidencia
14/03/19

26 de feb. de 2019

XORNADAS DE PORTAS ABERTAS


Temos a seguridade que nas xornadas de portas abertas nos centros de ensino haberá ocasión para que ás respectivas ANPAs fagan a súa presentación como parte esencial da comunidade educativa. En varios casos devén necesaria a presentación da entidade dado que é a Asociación quen asume no centro a prestación de servizos que as administracións públicas non lles acae ben atender.

Xuntamos aquí a lista de ANPAs, os datos de contacto electrónico e as ligazóns aos medios de comunicación propios de cada entidade. Empezando por as dos centros onde estes días terá lugar a apertura de portas….

APA O LOUREIRO (EEI Vilarrodrís)

ANPA BARRIONOVO

APA MANUEL MURGUíA (CEIP Galán)

APA A GAIVOTA (CEIP San Xosé Obreiro)

E o resto das que non teñen aínda xornada de portas abertas

ANPA SAN MIGUEL (IES Pastoriza)

ANPA PONTE DOS BROZOS

ANPA NOVO ARTEIXO

ANPA SÉCULO XXI (IES Manuel Murguía)

No rexistro xeral aparece algunha máis, dúas das que non temos constancia de que teñan actividade actualmente: na escola infantil (municipal) e no IES de Sabón. E unha que acaba de vir ao mundo practicamente: na unitaria de Larín. Parabéns!

4 de feb. de 2019

RESUMO REUNIÓN XUNTA DIRECTIVA

Antes de que chegue a Asemblea, era ben comentar algo do que acordamos na reunión da Xunta Directiva. Xa todo o mundo mundial coñece da convocatoria da Asemblea para o xoves 7. Tamén decidimos encargarlle á presidencia que fora pillar un CIF para a FEDART a AEAT…. Pero aparcamos o de presentar a inscrición no rexistro do Concello e na Consellería de Educación. Tamén a apertura da conta bancaria. Pensando en non ter que repetir nun prazo curto de tempo todo o procedemento e que sexa xa a nova directiva elixida para dous anos quen apareza en todas partes. O mesmiño para o certificado dixital.

Imos facer un estudo sobre como foron as eleccións a Consellos Escolares. Valorar a comunicación do procedemento e a participación, nos sectores de nais e pais e alumnado onde corresponda. Dirixiremos un correo individualizado a cada centro para solicitar a información. Canto teñamos os datos ou cos datos que teñamos, comentaremos.

Morremos de éxito coa iniciativa da recollida para o Banco de Alimentos. Tiramos polo alto e calculamos que habendo tanto alumnado matriculado nos centros de ensino, tanta familia, tanto profesorado e coa tradicional boa resposta que teñen estas iniciativas, xuntaríamos xente de sobras para poder desenvolver as quendas de recollida. Pero fallamos na comunicación probablemente e no procedemento para apuntarse case que con toda seguridade. Tomamos nota para a próxima. Finalmente, grazas a voluntariado apuntado na iniciativa e ao xeral, non especificamente vinculado cos centros de ensino, e sobre todo pola masiva resposta da xente que foi deixando o que quixo e puido na saída dos supermercados, xuntamos miles de quilos de produtos, preto das 9 toneladas, e ademais con cestas moi compensadas (variedade e utilidade). Grazas Arteixo! E grazas tamén ás cadeas que colaboran e especialmente ao persoal que nos aturou e axudou a desenvolver a recollida.

Polo demais, quedan un lote de cousas para ir falando e tratando, na Asemblea e máis aló. Nesas estamos e estaremos.

17 de xan. de 2019

REUNIÓN ORDINARIA DA XUNTA DIRECTIVA

Unha vez recibida a comunicación da inscrición da Federación no rexistro de asociacións, onde figura co número 2018/022816-1ª, hoxe imos ter reunión da directiva para entre outras cousas facer a convocatoria da Asemblea.

En función das competencias que os Estatutos da Federación indican para a presidencia, convocovos a unha reunión ordinaria da Xunta Directiva, o xoves 17 de xaneiro de 2019, ás 19:45 horas en primeira convocatoria, 20:00 hs en segunda, coa seguinte orde do día.


  1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior.
  2. Alta fiscal e contratación de conta bancaria.
  3. Valoración eleccións Consellos Escolares.
  4. Valoración campaña recollida de alimentos.
  5. Proposta de datas e orde do día para a Asemblea da Federación.
  6. Varios e temas non listados


Asdo.
Presidencia
10/01/19

15 de out. de 2018

REUNIÓN EXTRAORDINARIA DA XUNTA DIRECTIVA

A presidencia convocou unha reunión extraordinaria da Xunta Directiva, despois de ter recibido a notificación do Rexistro Xeral para a emenda da inscrición da Federación, para o martes 16 de outubro.

Esta é a orde do día:

1. Tratamento da documentación solicitada na emenda do Rexistro de Asociacións para a inscrición da Federación: revisión e sinatura.

2. Proposta de acordo co Banco de Alimentos Rías Altas para asumir a xestión da recollida de alimentos para os días 30/11 e 01/12.

A asistencia é aberta para o conxunto dos membros das directivas das distintas Asociacións integrantes, atendendo ao que estipulan os nosos Estatutos.

11 de out. de 2018

COMUNICACIÓN DE INICIO DE CURSO 18/19

Celebrada a primeira reunión da Xunta Directiva provisional da FEDART, acordamos comentar o que alí se tratou.

En relación á proposta de acordo entre os centros para a unificación de datas non lectivas propias, parece que non houbo tal acordo. Xa que logo, a valoración non pode ser positiva. Aínda que si coincidan unha gran parte en ambos días e todos nun dos días, segundo sabemos ate agora. A proposta era para que acordaran entre os equipos directivos. Ou houbo quen non quixo ou houbo quen non soubo. Será a falta de práctica. Pero seguro que para o curso próximo non tropezaremos na mesma pedra outra vez.

Unha boa alternativa, sería tratar este tipo de cuestións nun foro común de todas as partes implicadas. Elevaremos á Asemblea da Federación a proposta de solicitar a constitución do Consello Escolar Municipal. A nosa concepción de Comunidade Educativa formulase en termos da necesidade de tomar decisións colectivas en todos os ámbitos.

Que tal empezou o curso? (Modo sorna 100 %) Todo perfecto. Centros sen masificar, rateos baixas por aula, moita dotación de persoal especialista, ampla comunicación aberta entre todos os sectores, puntualidade e boa organización dos servizos de transporte escolar, libros de texto en abundancia para todo o alumnado,... e (modo sorna OFF) as ANPAs abrindo ás 7 da maña do primeiro día lectivo os servizos de conciliación que teñen que desenvolver porque non hai ningunha administración pública que queira asumilos. Será que non temos outra cousa que facer…

Por sinalar algunha cousa concreta. Houbo algunha ANPA que mesmo manifestou publicamente unhas circunstancias de inicio nada positivas, polo distanciamento (sexamos política-comunicativamente correctos) entre o equipo directivo e o conxunto da comunidade específica, sinaladamente coa propia ANPA. Houbo inicios de curso con cambios en normativas de acceso non comunicadas mesmo con aleivosía na incomunicación. Dificultades varias na prestación dos servizos de transporte escolar por falta de planificación conxunta. Incomprensión das familias polas agrupacións de alumnado nos centros, especificamente no ensino secundario, por non ter explicado abertamente as condicións especialmente difíciles nas que se ten que organizar a distribución nin os criterios profesionais cos que se fan. Temos centros que suman perto das 1300 matrículas compartindo un especialista en AL (e temos que aplaudir coas patas de diante que o haxa),…. pero tamén percibimos outro clima nas relacións entre estamentos en algúns centros e interese compartido en mellorar as condicións nas que o alumnado vai desenvolver o seu traballo (tamén o profesorado, claro). Temos un Concello que parece disposto a seguir invistindo en Educación e que agardamos se sinta poderoso para axilizar o proceso de posta en marcha dun novo CEIP e un novo IES. Imos tirar proveito desa disposición, pero sen esquecer que administración é a que ten as competencias plenas no Ensino Público.

Como Federación, queremos practicar algunhas das ideas que recollemos neste escrito. A colaboración entre ANPAs é un obxectivo fundamental, que por outra banda, forma parte do ADN do Asociacionismo. Adoitamos dicirlles ás familias: “temos problemas particulares cuxo tratamento precisa dunha intervención colectiva” (con voz profunda e seria). E temos a mesma concepción a respecto do que atinxe a acción social das entidades que forman a Federación.

Na comunicación non imos ser menos. A intención é comunicar na páxina web (blog, de momento) todo o que sexa xerado por nós. Tal como con este comunicado. E nas redes sociais, G+ mentres non desapareza, Facebook e Twitter calquera cousa que consideremos de interese xeral para o conxunto da comunidade educativa. Cunha proposta para desenvolver no futuro unha revista dixital.

Para a próxima Asemblea, que celebraremos unha vez teñamos a comunicación oficial do rexistro xeral da inscrición da Federación, ademais da proposta sobre o Consello Escolar Municipal, haberá que votar as cotas económicas de cada ANPA vinculada, modelo de xestión, modelo educativo, admisións de novas ANPAs, o proceso de elección da Xunta Directiva para un período de dous anos e algunha outra cousa.

E a un tempo, promover a participación do alumnado e das nais, pais e persoas titoras nos procesos electivos para a renovación dos Consellos Escolares.

Temos axenda. E axiña haberá máis...

30 de set. de 2018

REUNIÓN DA XUNTA DIRECTIVA

Temos intención de practicar algo que imos pedir a todas as institucións e entidades: transparencia.

A presidencia convocou á reunión da Xunta Directiva da Federación, para o mércores 3 de outubro.

Esta é a orde do día:

1. Análise e valoración do resultado da proposta de unificación de datas non lectivas.
2. Análise e valoración do inicio de curso: incidencias e comentarios.
3. Definición da actividade de xestión da Federación (Seguros, LOPD, Comedores,….).
4. Acordo de cotas para os integrantes da Federación e cotas para as incorporacións de novas ANPAs.
5. Documento de traballo: modelo educativo da Federación.
6. Reiteración da petición de constitución do Consello Escolar Municipal.
7. Información sobre o estado da inscrición da Federación.
8. Política de comunicación da Federación.
9. Proposta para a promoción de constitución de novas ANPAs: Sabón, Unitarias.
10. Eleccións aos Consellos Escolares.
11.Comunicado da Federación a respecto da primeira reunión.
12. Convocatoria da primeira Asemblea da Federación: Datas e borrador da orde do día.
12+1. Varios, rogos, preguntas.

A asistencia é aberta para o conxunto dos membros das directivas das distintas Asociacións integrantes, atendendo ao que estipulan os nosos ESTATUTOS.

PROPOSTA DE UNIFICACIÓN DE DÍAS NON LECTIVOS

SOLICITUDE DE UNIFICACIÓN DOS DÍAS NON LECTIVOS Dirixida a todos os centros de Ensino Público de Arteixo Elevamos á súa consideración...