Antes de que chegue a Asemblea, era ben comentar algo do que acordamos na reunión da Xunta Directiva. Xa todo o mundo mundial coñece da convocatoria da Asemblea para o xoves 7. Tamén decidimos encargarlle á presidencia que fora pillar un CIF para a FEDART a AEAT…. Pero aparcamos o de presentar a inscrición no rexistro do Concello e na Consellería de Educación. Tamén a apertura da conta bancaria. Pensando en non ter que repetir nun prazo curto de tempo todo o procedemento e que sexa xa a nova directiva elixida para dous anos quen apareza en todas partes. O mesmiño para o certificado dixital.
Imos facer un estudo sobre como foron as eleccións a Consellos Escolares. Valorar a comunicación do procedemento e a participación, nos sectores de nais e pais e alumnado onde corresponda. Dirixiremos un correo individualizado a cada centro para solicitar a información. Canto teñamos os datos ou cos datos que teñamos, comentaremos.
Morremos de éxito coa iniciativa da recollida para o Banco de Alimentos. Tiramos polo alto e calculamos que habendo tanto alumnado matriculado nos centros de ensino, tanta familia, tanto profesorado e coa tradicional boa resposta que teñen estas iniciativas, xuntaríamos xente de sobras para poder desenvolver as quendas de recollida. Pero fallamos na comunicación probablemente e no procedemento para apuntarse case que con toda seguridade. Tomamos nota para a próxima. Finalmente, grazas a voluntariado apuntado na iniciativa e ao xeral, non especificamente vinculado cos centros de ensino, e sobre todo pola masiva resposta da xente que foi deixando o que quixo e puido na saída dos supermercados, xuntamos miles de quilos de produtos, preto das 9 toneladas, e ademais con cestas moi compensadas (variedade e utilidade). Grazas Arteixo! E grazas tamén ás cadeas que colaboran e especialmente ao persoal que nos aturou e axudou a desenvolver a recollida.
Polo demais, quedan un lote de cousas para ir falando e tratando, na Asemblea e máis aló. Nesas estamos e estaremos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario