4 de abr. de 2019

#NOVOCEIPARTEIXOXA! #NOVOIESARTEIXOXA! #BACPASTORIZAXA!

Estes días atrás as palabras Educación e Arteixo apareceron con certa frecuencia en algún medio impreso e nas redes sociais. Parece que cada vez que o colectivo de nais e pais lanza unha proposta a respecto dunha problemática do sector, algo se move. Máis FEDART, xa que logo.

Dende a Federación, temos claro cal é en estes momentos o problema principal que lastra as posibilidades de desenvolver modelos educativos de calidade nos centros de Arteixo, a masificación, e xa que logo, levamos tempo insistindo en que é preciso poñer a andar xa un novo centro de primaria e un novo centro de secundaria.

Hai outras cuestións ás que atender para contribuír a ese permanente traballo de conseguir máis calidade educativa. Algunhas que afectan especificamente a circunstancias de cada centro, outras que necesariamente habería que abordar no conxunto da comunidade educativa de Arteixo.

O noso actual Alcalde aproveitou a onda para facer unha comunicación nos medios a respecto da idea que o seu partido ten para desenvolver a estrutura de escolarización para o Concello. Magoa que esta manifestación non se fixera nun espazo común onde as partes interesadas puideramos comentar o noso parecer ao respecto. Algo así como un Consello Escolar Municipal, órgano do que a Asemblea de FEDART acordou solicitar a súa constitución e posta en funcionamento.

Como representante principal de todo o Concello, é moi importante que tome a iniciativa a respecto de definir cal é o modelo de futuro para o sector educativo en Arteixo. Como líder da formación política que ten a maioría no noso Concello é completamente lóxico que teña a potestade para facer unha proposta de calado fronte á cidadanía e diante das administracións competentes. O papel que os concellos xogan neste eido educativo está moi limitado pola Lei de Bases de Réxime Local e algunha que outra lexislación estatal restritiva no que atinxe á disposición presupostaria. Pero o factor fundamental que decide a acción neste eido, e se pode ver con claridade en moitos exemplos ao longo do País, é a vontade política de querer facer. Que un Concello non teña unha Concellería de Educación, é un indicativo a respecto de como se define esa vontade política.

Mais, respectando e valorando a toma de postura da Alcaldía desenvolvida nos medios, a nós correspóndenos cando menos propoñer unha pregunta simple. Debera ser o sector educativo un espazo onde as decisións se tomen dende a exclusiva óptica dunha única opción política? Nós creemos que non. Apoiaremos as iniciativas que o Concello tome a respecto de conseguir máis e mellor calidade para o sector educativo de Arteixo. Si que é unha boa idea contar con máis oferta pública de FP aquí mesmo. Para o alumnado, para as familias. Para as empresas poida que tamén, pero iso é secundario. Pero ter máis FP, ou ter outro centro con BAC, #BACPASTORIZAXA!, non pode supoñer eliminar outras alternativas. E en calquera caso, debera ser todo o colectivo da comunidade educativa o que tomara as decisións a respecto de como organizarnos e desenvolver as opcións que se formulen. Practiquemos a pequena escala iso do PACTO EDUCATIVO. Poida que tamén sirvamos de exemplo para ese que levan intentando facer na capital do reino case que dende os tempos de María Castaña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

PROPOSTA DE UNIFICACIÓN DE DÍAS NON LECTIVOS

SOLICITUDE DE UNIFICACIÓN DOS DÍAS NON LECTIVOS Dirixida a todos os centros de Ensino Público de Arteixo Elevamos á súa consideración...