27 de ago. de 2018

FEDERACIÓN

1 de agosto de 2018.
Arturo e Sandra, Beatriz, Camilo, Heriberto, Inés, Mar e Silvia xuntámonos nunha mesa dun establecemento público para asinar un lote de papeis e dar por fundada a Federación das Anpas de Ensino Público de Arteixo - FEDART.


Fixémolo como representantes das ANPAs que hai unhas semanas acordamos nas nosas respectivas Asembleas constituír esta organización.


Neste acto estivemos representadas as ANPAs do CEIP de Galán, do IES de Pastoriza, do IES Manuel Murguía e a Escola de EEI de Barrionovo. As tres primeiras foron as asinantes do acordo. A cuarta e as que non puideron estar ese día xa saben que teñen a porta aberta para incorporarse cando así o acorden.


Xa contamos no proceso cal era a nosa percepción conxunta para chegar a formulármonos esta agrupación e algúns dos ítems nos que pensabamos intentar intervir.


Agora imos empezar intentando ser máis reflexivos e máis concretos, aínda que teñamos que ir por partes.


Empezando por unha cuestión xeral. Somos Asociacións de Familias que teñen alumnado nos centros de ensino público de Arteixo. Como tales, representamos os intereses de todo o colectivo de nais e pais de cada centro, non só aos que estamos integradas nelas. Mal que lle pese a quen non queira entendelo así. Xa que logo, o noso ámbito de competencia abrangue calquera cuestión que afecte ao funcionamento xeral dos centros, incluíndo as decisións que os organismos públicos dos que dependen estes poidan querer adoptar. Temos capacidade - e no noso caso, vontade de facelo - para intervir en todo aquilo que nos pareza oportuno, sinalando o que non se faga a xeito ao noso entender e facendo propostas de acción concretas.


E imos empezar cunha, que levaremos a cada centro e Consello Escolar de inicio de curso e transmitiremos a Concellería de Relacións coa Comunidade Educativa.


Os centros de ensino poden escoller dous días do calendario escolar para que sexan non lectivos, que non haxa clases. As condicións están especificadas para cada curso na orde da Consellería que establece o calendario escolar (recomendable botarlle un ollo).


Propoñemos que todos os centros de Arteixo escollan os mesmos días non lectivos. Será bo para organizar a conciliación familiar, máis cando hai alumnado en distintos centros, bo para organizar o transporte e os servizos, bo para programar outras actividades colectivas.


A proposta para levar a cada Consello Escolar/presentar por rexistro nos centros:


1. En acordo coa orde do 28 de maio de 2018, que aproba o calendario escolar para o curso 18/19, recollendo o indicado no artigo 7, punto 2, sendo que os festivos locais de Arteixo son o 13 de febreiro, martes de Entroido e o 26 de xullo, festas de Santiago Apóstolo, e dado que ambos se corresponden con períodos non lectivos no calendario escolar, os centros teñen a potestade de solicitar dous días non lectivos para o período do curso. O mesmo punto da orde indica unha recomendación que nós elevamos a proposta:


Solicitamos que os equipos directivos dos centros de ensino público de Arteixo se poñan en contacto para acordar elevar aos distintos Consellos Escolares unha proposta de días non lectivos unificada para todos os centros do Concello.


E sendo así, tampouco sería mala cousa que eses días non houbera actividades extraescolares.


Sabemos que esta decisión ven fundamentalmente dos respectivos claustros, coa intención de facer coincidir esas datas con outros festivos oficiais que permitan organizar a asistencia a xornadas e cursos de formación.


Pero neste caso o valor numérico da maioría que representamos no conxunto da comunidade educativa ten que pesar máis que os intereses e necesidades dos outros colectivos. Por certo, maioría que non se pode facer extensible automaticamente a calquera outra decisión a tomar nas nosas comunidades, pero que debera terse sempre en consideración.


E aquí poderíamos empezar a desenvolver o noso pensamento sobre a xestión dos centros. Pero antes… haberá que formular como é que entendemos nós iso da Educación e do Ensino: A Educación como proceso permanente e o ensino público, gratuíto, laico, participativo, cooperativo, igualitario, integrador, galego, científico, humanista.


(Continuará…)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

PROPOSTA DE UNIFICACIÓN DE DÍAS NON LECTIVOS

SOLICITUDE DE UNIFICACIÓN DOS DÍAS NON LECTIVOS Dirixida a todos os centros de Ensino Público de Arteixo Elevamos á súa consideración...