11 de out. de 2018

COMUNICACIÓN DE INICIO DE CURSO 18/19

Celebrada a primeira reunión da Xunta Directiva provisional da FEDART, acordamos comentar o que alí se tratou.

En relación á proposta de acordo entre os centros para a unificación de datas non lectivas propias, parece que non houbo tal acordo. Xa que logo, a valoración non pode ser positiva. Aínda que si coincidan unha gran parte en ambos días e todos nun dos días, segundo sabemos ate agora. A proposta era para que acordaran entre os equipos directivos. Ou houbo quen non quixo ou houbo quen non soubo. Será a falta de práctica. Pero seguro que para o curso próximo non tropezaremos na mesma pedra outra vez.

Unha boa alternativa, sería tratar este tipo de cuestións nun foro común de todas as partes implicadas. Elevaremos á Asemblea da Federación a proposta de solicitar a constitución do Consello Escolar Municipal. A nosa concepción de Comunidade Educativa formulase en termos da necesidade de tomar decisións colectivas en todos os ámbitos.

Que tal empezou o curso? (Modo sorna 100 %) Todo perfecto. Centros sen masificar, rateos baixas por aula, moita dotación de persoal especialista, ampla comunicación aberta entre todos os sectores, puntualidade e boa organización dos servizos de transporte escolar, libros de texto en abundancia para todo o alumnado,... e (modo sorna OFF) as ANPAs abrindo ás 7 da maña do primeiro día lectivo os servizos de conciliación que teñen que desenvolver porque non hai ningunha administración pública que queira asumilos. Será que non temos outra cousa que facer…

Por sinalar algunha cousa concreta. Houbo algunha ANPA que mesmo manifestou publicamente unhas circunstancias de inicio nada positivas, polo distanciamento (sexamos política-comunicativamente correctos) entre o equipo directivo e o conxunto da comunidade específica, sinaladamente coa propia ANPA. Houbo inicios de curso con cambios en normativas de acceso non comunicadas mesmo con aleivosía na incomunicación. Dificultades varias na prestación dos servizos de transporte escolar por falta de planificación conxunta. Incomprensión das familias polas agrupacións de alumnado nos centros, especificamente no ensino secundario, por non ter explicado abertamente as condicións especialmente difíciles nas que se ten que organizar a distribución nin os criterios profesionais cos que se fan. Temos centros que suman perto das 1300 matrículas compartindo un especialista en AL (e temos que aplaudir coas patas de diante que o haxa),…. pero tamén percibimos outro clima nas relacións entre estamentos en algúns centros e interese compartido en mellorar as condicións nas que o alumnado vai desenvolver o seu traballo (tamén o profesorado, claro). Temos un Concello que parece disposto a seguir invistindo en Educación e que agardamos se sinta poderoso para axilizar o proceso de posta en marcha dun novo CEIP e un novo IES. Imos tirar proveito desa disposición, pero sen esquecer que administración é a que ten as competencias plenas no Ensino Público.

Como Federación, queremos practicar algunhas das ideas que recollemos neste escrito. A colaboración entre ANPAs é un obxectivo fundamental, que por outra banda, forma parte do ADN do Asociacionismo. Adoitamos dicirlles ás familias: “temos problemas particulares cuxo tratamento precisa dunha intervención colectiva” (con voz profunda e seria). E temos a mesma concepción a respecto do que atinxe a acción social das entidades que forman a Federación.

Na comunicación non imos ser menos. A intención é comunicar na páxina web (blog, de momento) todo o que sexa xerado por nós. Tal como con este comunicado. E nas redes sociais, G+ mentres non desapareza, Facebook e Twitter calquera cousa que consideremos de interese xeral para o conxunto da comunidade educativa. Cunha proposta para desenvolver no futuro unha revista dixital.

Para a próxima Asemblea, que celebraremos unha vez teñamos a comunicación oficial do rexistro xeral da inscrición da Federación, ademais da proposta sobre o Consello Escolar Municipal, haberá que votar as cotas económicas de cada ANPA vinculada, modelo de xestión, modelo educativo, admisións de novas ANPAs, o proceso de elección da Xunta Directiva para un período de dous anos e algunha outra cousa.

E a un tempo, promover a participación do alumnado e das nais, pais e persoas titoras nos procesos electivos para a renovación dos Consellos Escolares.

Temos axenda. E axiña haberá máis...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

PROPOSTA DE UNIFICACIÓN DE DÍAS NON LECTIVOS

SOLICITUDE DE UNIFICACIÓN DOS DÍAS NON LECTIVOS Dirixida a todos os centros de Ensino Público de Arteixo Elevamos á súa consideración...