Invitamos por correo electrónico ás 5 candidaturas que presentan listas ás municipais no noso Concello a ter reunións abertas onde poder falar con cada unha delas das súas propostas no eido educativo. Cando se concreten iremos indicando cando e onde, pero somos conscientes de que nestas datas terán dabondo cousas ás que atender como para poder atopar un oco onde encaixar esas xuntanzas. Entón, formulamos un cuestionario cunhas cantas preguntas que nos poidan responder, ben por escrito ou no formato que consideren oportuno. As respostas serán publicadas para que toda a poboación teña coñecemento delas. Finalmente, elaboraremos un documento de propostas xerais, acordadas entre as ANPAs que consideren participar, e que incluirán tamén cuestións específicas de cada unha. Tamén temos intención de publicalo, ademais de facerllo chegar directamente a cada agrupación política.
Este colectivo entende que as ANPAs somos entidades de acción social, e xa que logo temos a posibilidade, poida que a obriga, de intervir politicamente nas cuestións que afectan á comunidade educativa, dende a concepción da política como a actividade e práctica humana dirixida á mellora da condición xeral da sociedade e de cada unha das súas cidadáns, co obxectivo fundamental do ben común.
As posibilidades de intervención das corporacións municipais no eido educativo están definidas legalmente pola Lei de Bases de Réxime Local, pero polo que coñecemos da relación con outras Asociacións de diversos concellos do País, isto tradúcese de unha ou outra maneira dependendo dun concepto denominado vontade política.
A nosa vontade e intención con esta iniciativa é a de invitar á poboación en xeral de Arteixo e especificamente á parte da comunidade educativa da que exercemos a representación, a que teña en conta as propostas do ámbito educativo de cada formación para a decisión do seu voto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario