Estes días atrás repetimos a experiencia das xornadas educaTIC. Tres días de sisudas exposicións e faladoiros e un de celebración compartida, máis festivo.
Uns cantos días máis atrás un dos docentes innovadores con máis sona nos últimos tempos, Juan de Vicente Abad, falábanos da súa experiencia metodolóxica no ensino público, a un colectivo de profesionais e non profesionais da educación, e repetía unha vez si e outra tamén unha palabra: reflexión. Aplicada dende o deseño didáctico até a resolución de conflitos na convivencia nos centros.
Pois imos propoñer reflexión en alta voz.
Estes encontros educaTIC teñen un feixe de cousas boas. Entre elas a posibilidade de coñecer de primeira man as experiencias de calidade que se desenvolven nos centros de ensino público de Arteixo. Para nós, que insistimos no valor do traballo das persoas profesionais do sector como característico e como excepción sinalamos a falta de interese, actitude ou motivación, a visibilidade pública detallada desa actividade profesional parécenos fundamental para a recuperación do valor social da docencia e das docentes. Porque a pouco que miremos debaixo da presentación, entenderemos como a parte lectiva é só unha das que compoñen o seu traballo profesional: programacións didácticas, reunións de departamentos, avaliación, atención ás familias, investigación, formación permanente, deseño de rúbricas, actividades extra-escolares,….
Mesmo aquela porción da docencia que só vai a cumprir co seu horario, como podería facer calquera de nós, ten que atender a algunhas destas cuestións. E asemade, unha administración centrada nas estatísticas e no control, engádelles unha carga burocrática innecesaria ao seu labor docente. Xa non digamos a que lles cae aos que deciden asumir as responsabilidades directivas.
Pois con todos estes condicionamentos, e algún máis que se nos escapará, moitas destas persoas docentes seguen a emocionarse acotío co seu alumnado na súa práctica profesional.
Apoiar o seu traballo coa presenza nestes actos de información gratuíta, e especialmente o de quen vai un pouco máis aló do simplemente obrigatorio, tería que ser un deber de calquera que defenda e apoie o ensino público. O estamos facendo así? Non miremos para quen temos ao lado. A asistencia, un ano tras outro, de nais e pais nestas xornadas é puramente testemuñal, e cando se produce adoita estar vinculada a un tema ou a un persoeiro significativo. Aínda así, non fomos nin a décima parte a escoitar a Carracedo dos que estivemos para ver a Del Bosque. Tampouco podemos tirar foguetes da presencia de representantes das ANPAs, máis aló dos momentos nos que estamos case que obrigados. Claro, formamos parte do mesmo colectivo ao que representamos e temos a mesma xustificación. Cada un ten que atender á súa vida. Hai quen di o de que lle adicamos tempo das nosas vidas a aquilo que necesitamos ou que ten importancia para nós. Poida que houbera que empezar a ler isto ao revés, e entender que o tempo que lle adicamos as cousas manifesta con claridade cales son as que nos importan de verdade. A educación? O ensino? O ensino público?
Outra boa cousa destes encontros é xustamente iso. Ter un espazo onde haxa roce entre os distintos sectores da comunidade educativa a nivel global. Podes falar e intercambiar ideas, opinións, propostas, con mestras de escolas unitarias ou profesoras na universidade. A nai de infantil fala co dire do IES. O orientador coa representación do Concello. Parecera que desaparecen esas barreiras invisibles que as veces nos impiden traballar xuntas en condicións de respecto mutuo, sen ningún tipo de condescendencia e entendéndonos como iguais, cun obxectivo común e cada quen coas súas responsabilidades e competencias. E dicimos isto sendo conscientes de que a parte da comunidade á que nós representamos, as familias, nais, pais, alumnado, somos aqueles aos que vai dirixida toda a acción profesional e institucional, ademais de ser cuantitativamente a parte moi maioritaria do conxunto e a fonte fundamental dos orzamentos de todo este aparato. O pobo soberano da comunidade educativa, por poñelo en prata. E como a maioría de nós somos xente sensata, madura e responsable, tentamos apoiar sen menoscabo e con claridade todo o traballo que se fai ao noso servizo.
E asemade emocionámonos cando as nosas fillas e os nosos fillos manifestan publicamente a súa satisfacción polo traballo realizado polos seus mestres e profesoras. E sentímonos felices de escoitar ao profesorado dun centro agradecendo e felicitando as súas compañeiras e aos seus compañeiros profesionais dos niveis precedentes o traballo feito co alumnado ao que agora atenden. Sabemos que este recoñecemento é, probablemente xunto co do seu propio alumnado, unha das meirandes satisfaccións dun profesional da docencia.
Como non hai dous sen tres…. todas as persoas que en algún momento asistiron como relatores, mesmo cando as súas intervencións fixeron fincapé na chamada de atención sobre os fundamentos e metodoloxías empregadas no cotiá da docencia, como nunha das que tivemos ocasión de escoitar neste ano, manifestaron o gran valor destes encontros, e mesmo nalgún caso sorprendéronse da formulación aberta e participada. Todas elas indicaron a súa disposición a compartir o seu coñecemento por canles de comunicación a posterior. Con calquera delas tivemos oportunidade de falar abertamente, tanto no momento da súa presentación como fora dese tempo.
E evidente que sempre hai aspectos que poderían ser mellorables. Nós indicaremos o que consideramos a este respecto no espazo e lugar correspondente, pero o que apuntamos nos puntos anteriores define unha filosofía do formato dos encontros. Entendemos que moita desta fundamentación e a gran parte da responsabilidade a respecto do éxito desta acción recae na persoa da Concelleira de Relacións coa Comunidade Educativa. Polo que sabemos, non vai continuar no seu cargo despois das próximas eleccións municipais. Dende aquí, quixeramos agradecerlle o traballo desenvolvido durante estes últimos anos. Mesmo dende a diferencia de criterio manifestada a respecto de algunhas decisións ou formulacións do seu departamento, é de xustiza recoñecerlle a súa implicación e desenvolvemento. Especialmente atendendo ás dificultades da diversidade de pareceres, necesidades e intereses deste colectivo de persoas que integramos a comunidade educativa de Arteixo. Non somos fáciles… sinaladamente neste colectivo de ANPAs. Pero si temos claro que na política hai moita xente que traballa moito polo ben común. Por exemplo, ti. Grazas Celina!
Ningún comentario:
Publicar un comentario