4 días seguidos. 4 charlas sobre acoso desenvolvidas para a comunidade de 7 centros de ensino público do noso Concello. Unha de secundaria, tres de primaria e dúas de escolas de educación infantil. Sumaríamos un público potencial - nais, pais, persoas titoras, profesionais dos centros - de arredor de 4.000 persoas, quizais algo máis. A suma total de asistencia a todas elas debeu aproximarse as 60-70 persoas. Non debe ser un tema de interese actualmente. Poida que o modelo de asfaltado preelectoral tampouco axudara. Quizais non se convocou e difundiu axeitadamente.
A información circulante dispoñible sobre a cuestión do tratamento do acoso, sinaladamente na escola, é abundante. Nos tempos que corren case que todas temos acceso a esa información. Moitas de nós intentamos no noso ámbito familiar tratar esta problemática e prover ás nosas crianzas de ferramentas para enfrontarse ás situacións de acoso. Probablemente non hai nada que nos preocupe máis na vida que evitar o sufrimento das nosas fillas e dos nosos fillos.
Pero perdemos a perspectiva. Deste problema só coñecemos o que sae á luz*. E adoitamos enfrontarnos a el, como a algún outro, cando nos toca directamente. Cando somos nais e pais de nenas e nenos que se converten en vítimas ou actúan como acosadoras. Non “son”, porque non é unha condición innata nin nacen sendo agresoras ou agredidas. As facemos nós así. Nós. O conxunto da comunidade educativa, fiel reflexo da sociedade da que formamos parte, que afirma valores e comportamentos de competencia, poder, violencia, dominación, inxustiza… fronte aos de cooperación, convivencia, respecto, empatía, comunicación, igualdade….
Cada pequena acción que se desenvolva en relación a como abordar o problema de acoso é un chanzo positivo. Cada nai, cada pai, cada profesional que asistiu a estas ou a calquera outra charla similar, vai ter presente na súa cabeza e na súa práctica diaria unha reflexión sobre como abordar esta problemática. Pero é precisa unha intervención colectiva de todos os axentes involucrados definida nos parámetros de cambiar de modelo de xestión da convivencia en todos os ámbitos, non só nas escolas. Empezando por renunciar explicitamente a calquera forma de violencia como medio de relación social.
Isto precisa dun compromiso elevado e poida que non se dean as condicións para facelo, até que suceda algo que nos conmocione colectivamente. Ou quizais, sexamos capaces de imaxinármonos como nos sentiríamos se chegara a producirse algo así e decidamos poñernos a traballar conxuntamente para poñer os medios de que non suceda.
Tamén podemos seguir enfrontándonos a cada caso individualmente. Cando se presenten na porta das nosas casas. Mentres tanto é problema do da porta do lado.
O modelo de traballo que nos presentaron estes días, que propón desenvolver accións na prevención das condutas pode ser unha alternativa. Pero non existe ningunha panacea. Nin hai aspirinas para curar un comportamento de acoso, nin para quen acosa, nin para quen padece o acoso. Quizais houbo xente que acudiu a estas charlas na procura de respostas que non atopou, técnicas ou ferramentas que lles permitiran resolver ou enfrontarse a unha situación preexistente. Para os adultos e para os menores.
Nestes casos, os demais non deberamos mirar para outro lado. Os demais, que somos todas as persoas que estamos arredor dese problema específico. Educadores, docentes e familias. Porque de facelo así, estaríamos ensinándolles na práctica ás nosas fillas e aos nosos fillos que está ben mirar a inxustiza, a violencia, a degradación, e non facer nada.
*Nestes días publicouse no xornal La Voz de Galicia un artigo que fai referencia a isto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario