30 de maio, último día para a Inscrición
Blogue da Federación das Anpas de Centros de Ensino Público de Arteixo (A Coruña)
29 de maio de 2019
4 DÍAS
4 días seguidos. 4 charlas sobre acoso desenvolvidas para a comunidade de 7 centros de ensino público do noso Concello. Unha de secundaria, tres de primaria e dúas de escolas de educación infantil. Sumaríamos un público potencial - nais, pais, persoas titoras, profesionais dos centros - de arredor de 4.000 persoas, quizais algo máis. A suma total de asistencia a todas elas debeu aproximarse as 60-70 persoas. Non debe ser un tema de interese actualmente. Poida que o modelo de asfaltado preelectoral tampouco axudara. Quizais non se convocou e difundiu axeitadamente.
A información circulante dispoñible sobre a cuestión do tratamento do acoso, sinaladamente na escola, é abundante. Nos tempos que corren case que todas temos acceso a esa información. Moitas de nós intentamos no noso ámbito familiar tratar esta problemática e prover ás nosas crianzas de ferramentas para enfrontarse ás situacións de acoso. Probablemente non hai nada que nos preocupe máis na vida que evitar o sufrimento das nosas fillas e dos nosos fillos.
Pero perdemos a perspectiva. Deste problema só coñecemos o que sae á luz*. E adoitamos enfrontarnos a el, como a algún outro, cando nos toca directamente. Cando somos nais e pais de nenas e nenos que se converten en vítimas ou actúan como acosadoras. Non “son”, porque non é unha condición innata nin nacen sendo agresoras ou agredidas. As facemos nós así. Nós. O conxunto da comunidade educativa, fiel reflexo da sociedade da que formamos parte, que afirma valores e comportamentos de competencia, poder, violencia, dominación, inxustiza… fronte aos de cooperación, convivencia, respecto, empatía, comunicación, igualdade….
Cada pequena acción que se desenvolva en relación a como abordar o problema de acoso é un chanzo positivo. Cada nai, cada pai, cada profesional que asistiu a estas ou a calquera outra charla similar, vai ter presente na súa cabeza e na súa práctica diaria unha reflexión sobre como abordar esta problemática. Pero é precisa unha intervención colectiva de todos os axentes involucrados definida nos parámetros de cambiar de modelo de xestión da convivencia en todos os ámbitos, non só nas escolas. Empezando por renunciar explicitamente a calquera forma de violencia como medio de relación social.
Isto precisa dun compromiso elevado e poida que non se dean as condicións para facelo, até que suceda algo que nos conmocione colectivamente. Ou quizais, sexamos capaces de imaxinármonos como nos sentiríamos se chegara a producirse algo así e decidamos poñernos a traballar conxuntamente para poñer os medios de que non suceda.
Tamén podemos seguir enfrontándonos a cada caso individualmente. Cando se presenten na porta das nosas casas. Mentres tanto é problema do da porta do lado.
O modelo de traballo que nos presentaron estes días, que propón desenvolver accións na prevención das condutas pode ser unha alternativa. Pero non existe ningunha panacea. Nin hai aspirinas para curar un comportamento de acoso, nin para quen acosa, nin para quen padece o acoso. Quizais houbo xente que acudiu a estas charlas na procura de respostas que non atopou, técnicas ou ferramentas que lles permitiran resolver ou enfrontarse a unha situación preexistente. Para os adultos e para os menores.
Nestes casos, os demais non deberamos mirar para outro lado. Os demais, que somos todas as persoas que estamos arredor dese problema específico. Educadores, docentes e familias. Porque de facelo así, estaríamos ensinándolles na práctica ás nosas fillas e aos nosos fillos que está ben mirar a inxustiza, a violencia, a degradación, e non facer nada.
*Nestes días publicouse no xornal La Voz de Galicia un artigo que fai referencia a isto.
22 de maio de 2019
EDUCATIC
Estes días atrás repetimos a experiencia das xornadas educaTIC. Tres días de sisudas exposicións e faladoiros e un de celebración compartida, máis festivo.
Uns cantos días máis atrás un dos docentes innovadores con máis sona nos últimos tempos, Juan de Vicente Abad, falábanos da súa experiencia metodolóxica no ensino público, a un colectivo de profesionais e non profesionais da educación, e repetía unha vez si e outra tamén unha palabra: reflexión. Aplicada dende o deseño didáctico até a resolución de conflitos na convivencia nos centros.
Pois imos propoñer reflexión en alta voz.
Estes encontros educaTIC teñen un feixe de cousas boas. Entre elas a posibilidade de coñecer de primeira man as experiencias de calidade que se desenvolven nos centros de ensino público de Arteixo. Para nós, que insistimos no valor do traballo das persoas profesionais do sector como característico e como excepción sinalamos a falta de interese, actitude ou motivación, a visibilidade pública detallada desa actividade profesional parécenos fundamental para a recuperación do valor social da docencia e das docentes. Porque a pouco que miremos debaixo da presentación, entenderemos como a parte lectiva é só unha das que compoñen o seu traballo profesional: programacións didácticas, reunións de departamentos, avaliación, atención ás familias, investigación, formación permanente, deseño de rúbricas, actividades extra-escolares,….
Mesmo aquela porción da docencia que só vai a cumprir co seu horario, como podería facer calquera de nós, ten que atender a algunhas destas cuestións. E asemade, unha administración centrada nas estatísticas e no control, engádelles unha carga burocrática innecesaria ao seu labor docente. Xa non digamos a que lles cae aos que deciden asumir as responsabilidades directivas.
Pois con todos estes condicionamentos, e algún máis que se nos escapará, moitas destas persoas docentes seguen a emocionarse acotío co seu alumnado na súa práctica profesional.
Apoiar o seu traballo coa presenza nestes actos de información gratuíta, e especialmente o de quen vai un pouco máis aló do simplemente obrigatorio, tería que ser un deber de calquera que defenda e apoie o ensino público. O estamos facendo así? Non miremos para quen temos ao lado. A asistencia, un ano tras outro, de nais e pais nestas xornadas é puramente testemuñal, e cando se produce adoita estar vinculada a un tema ou a un persoeiro significativo. Aínda así, non fomos nin a décima parte a escoitar a Carracedo dos que estivemos para ver a Del Bosque. Tampouco podemos tirar foguetes da presencia de representantes das ANPAs, máis aló dos momentos nos que estamos case que obrigados. Claro, formamos parte do mesmo colectivo ao que representamos e temos a mesma xustificación. Cada un ten que atender á súa vida. Hai quen di o de que lle adicamos tempo das nosas vidas a aquilo que necesitamos ou que ten importancia para nós. Poida que houbera que empezar a ler isto ao revés, e entender que o tempo que lle adicamos as cousas manifesta con claridade cales son as que nos importan de verdade. A educación? O ensino? O ensino público?
Outra boa cousa destes encontros é xustamente iso. Ter un espazo onde haxa roce entre os distintos sectores da comunidade educativa a nivel global. Podes falar e intercambiar ideas, opinións, propostas, con mestras de escolas unitarias ou profesoras na universidade. A nai de infantil fala co dire do IES. O orientador coa representación do Concello. Parecera que desaparecen esas barreiras invisibles que as veces nos impiden traballar xuntas en condicións de respecto mutuo, sen ningún tipo de condescendencia e entendéndonos como iguais, cun obxectivo común e cada quen coas súas responsabilidades e competencias. E dicimos isto sendo conscientes de que a parte da comunidade á que nós representamos, as familias, nais, pais, alumnado, somos aqueles aos que vai dirixida toda a acción profesional e institucional, ademais de ser cuantitativamente a parte moi maioritaria do conxunto e a fonte fundamental dos orzamentos de todo este aparato. O pobo soberano da comunidade educativa, por poñelo en prata. E como a maioría de nós somos xente sensata, madura e responsable, tentamos apoiar sen menoscabo e con claridade todo o traballo que se fai ao noso servizo.
E asemade emocionámonos cando as nosas fillas e os nosos fillos manifestan publicamente a súa satisfacción polo traballo realizado polos seus mestres e profesoras. E sentímonos felices de escoitar ao profesorado dun centro agradecendo e felicitando as súas compañeiras e aos seus compañeiros profesionais dos niveis precedentes o traballo feito co alumnado ao que agora atenden. Sabemos que este recoñecemento é, probablemente xunto co do seu propio alumnado, unha das meirandes satisfaccións dun profesional da docencia.
Como non hai dous sen tres…. todas as persoas que en algún momento asistiron como relatores, mesmo cando as súas intervencións fixeron fincapé na chamada de atención sobre os fundamentos e metodoloxías empregadas no cotiá da docencia, como nunha das que tivemos ocasión de escoitar neste ano, manifestaron o gran valor destes encontros, e mesmo nalgún caso sorprendéronse da formulación aberta e participada. Todas elas indicaron a súa disposición a compartir o seu coñecemento por canles de comunicación a posterior. Con calquera delas tivemos oportunidade de falar abertamente, tanto no momento da súa presentación como fora dese tempo.
E evidente que sempre hai aspectos que poderían ser mellorables. Nós indicaremos o que consideramos a este respecto no espazo e lugar correspondente, pero o que apuntamos nos puntos anteriores define unha filosofía do formato dos encontros. Entendemos que moita desta fundamentación e a gran parte da responsabilidade a respecto do éxito desta acción recae na persoa da Concelleira de Relacións coa Comunidade Educativa. Polo que sabemos, non vai continuar no seu cargo despois das próximas eleccións municipais. Dende aquí, quixeramos agradecerlle o traballo desenvolvido durante estes últimos anos. Mesmo dende a diferencia de criterio manifestada a respecto de algunhas decisións ou formulacións do seu departamento, é de xustiza recoñecerlle a súa implicación e desenvolvemento. Especialmente atendendo ás dificultades da diversidade de pareceres, necesidades e intereses deste colectivo de persoas que integramos a comunidade educativa de Arteixo. Non somos fáciles… sinaladamente neste colectivo de ANPAs. Pero si temos claro que na política hai moita xente que traballa moito polo ben común. Por exemplo, ti. Grazas Celina!
14 de maio de 2019
CAMPAÑA ELECTORAL
Invitamos por correo electrónico ás 5 candidaturas que presentan listas ás municipais no noso Concello a ter reunións abertas onde poder falar con cada unha delas das súas propostas no eido educativo. Cando se concreten iremos indicando cando e onde, pero somos conscientes de que nestas datas terán dabondo cousas ás que atender como para poder atopar un oco onde encaixar esas xuntanzas. Entón, formulamos un cuestionario cunhas cantas preguntas que nos poidan responder, ben por escrito ou no formato que consideren oportuno. As respostas serán publicadas para que toda a poboación teña coñecemento delas. Finalmente, elaboraremos un documento de propostas xerais, acordadas entre as ANPAs que consideren participar, e que incluirán tamén cuestións específicas de cada unha. Tamén temos intención de publicalo, ademais de facerllo chegar directamente a cada agrupación política.
Este colectivo entende que as ANPAs somos entidades de acción social, e xa que logo temos a posibilidade, poida que a obriga, de intervir politicamente nas cuestións que afectan á comunidade educativa, dende a concepción da política como a actividade e práctica humana dirixida á mellora da condición xeral da sociedade e de cada unha das súas cidadáns, co obxectivo fundamental do ben común.
As posibilidades de intervención das corporacións municipais no eido educativo están definidas legalmente pola Lei de Bases de Réxime Local, pero polo que coñecemos da relación con outras Asociacións de diversos concellos do País, isto tradúcese de unha ou outra maneira dependendo dun concepto denominado vontade política.
A nosa vontade e intención con esta iniciativa é a de invitar á poboación en xeral de Arteixo e especificamente á parte da comunidade educativa da que exercemos a representación, a que teña en conta as propostas do ámbito educativo de cada formación para a decisión do seu voto.
2 de maio de 2019
INICIO CAMPAÑA DE RECOLLIDA ACTIVA DE SINATURAS
Pois iso. Unha vez hai repartidas follas para a recollida de sinaturas en diversos puntos do concello, imos iniciar a recollida activa colectiva.
Estaremos diante dos centros de ensino público, no horario de entrada e/ou de saída, recollendo sinaturas para a proposta e no seu caso repartindo información.
Para estas accións imos contar con persoas das comunidades educativas respectivas, nais, pais, persoas titoras, poida que profesorado, que voluntariamente decidan participar nas accións e que teñan a disponibilidade para facelo neses horarios. Persoas que non necesariamente teñen que ser asociadas das ANPAs ou vinculadas a FEDART. Si que intentaremos que en todos os casos haxa alguén que nos represente como Federación. Iremos informando das accións puntualmente.
Para empezar, venres 3 de maio, entre as 9 e as 10 nas entradas ao CEIP Ponte dos Brozos.
E ademais, os sábados, na rúa peatonal un grupo de persoas estarán tamén desenvolvendo recollida de sinaturas e no seu explicando a proposta. A participación nesta acción está aberta tamén a calquera persoa da comunidade educativa xeral dos centros de ensino público de Arteixo, e como nas outras accións, intentaremos que tamén haxa alguén que represente á Federación.
Para empezar, sábado 4 de maio, a partir das 10 e até as 13 ou 14 h.
#NOVOCEIPARTEIXOXA!
#NOVOIESARTEIXOXA!
#BACPASTORIZAXA!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
PROPOSTA DE UNIFICACIÓN DE DÍAS NON LECTIVOS
SOLICITUDE DE UNIFICACIÓN DOS DÍAS NON LECTIVOS Dirixida a todos os centros de Ensino Público de Arteixo Elevamos á súa consideración...
-
E máis que teremos que dar seguramente. Agardamos que miles. O venres 29 tivo lugar a presentación da campaña de recollida de sinaturas...
-
SOLICITUDE DE UNIFICACIÓN DOS DÍAS NON LECTIVOS Dirixida a todos os centros de Ensino Público de Arteixo Elevamos á súa consideración...
-
A presidencia convocou unha reunión extraordinaria da Xunta Directiva, despois de ter recibido a notificación do Rexistro Xeral para a emend...